O Rural Quere Xente

Coñecer, compartir, reflexionar dende proxectos persoais ou comunais con respecto pola ecoloxía, o medio ambiente e a cultura.

O rural ten pasado, presente e futuro, mais hai que escribilo entre todas-os para ser protagonistas da nosa historia.

O Rural Quere Xente nacía hai algo mais de cinco anos no marco das Xornadas Rurais na Eira da Xoana, en Ramil, Agolada. Sen ter moi claro que era o que se pretendía mais alá de xerar un espazo de convivio e intercambio de experiencias para aquelas persoas que habitualmente cadrabamos en feiras ou mercados autoxestionarios, partiamos dun común denominador que era a nosa preocupación e implicación na ecoloxía, no nosos coidado como persoas, nun outro modelo económico e de consumo, e aquel primeiro encontro sacudiu con forza a terra baixo os nosos pés: fomos quen de mirármonos e sentírmonos reflectidos unas nas outras, de comprender que mais alá das nosas situacións persoais, dos nosos múltiples e diversos proxectos, partillabamos unha mesma necesidade vital, un ancello transformador e transgresor que nos facía fortes no noso firme convencemento de apostar pola vida nun rural galego sentenciado a morte por un sistema e unhas políticas deseñadas precisamente para a sua desaparición, o seu abandono, o seu despoboamento e a sua entrega en bandexa de prata as grandes corporacións forestais ou mineiras, ou a promoción sen limite de proxectos agro-gandeiros agresivos co territorio, cada vez mais desligados da terra e dos ecosistemas, en permanente loita coa biodiversidade, condenados a un medre permanente, a un endebedamento perpetuo que non fai senón empeorar a xa feble saúde do noso rural. Por iso aquel domingo, 23 de febreiro de 2014 os homes e mulleres que tivemos a grande fortuna de coñecérmonos, esta vez si, e por fin, sen mostradores, carpas ou mercadorías de por medio, fora de despachos hostís ou de foros prefabricados por quen ve o rural desde eses despachos, de forma unánime preguntámonos: e agora que? Eis o xermolo de O Rural Quere Xente. Acordamos constituírnos en rede, mas a diferencia de outras iniciativas, a nosa rede non seria unha rede de colectivos: é unha rede de persoas. A nosa rede non ten portavocías, nen cadros dirixentes: é unha rede de iguais. Acordamos espallar a nosa mensaxe por todo o País, que vivir no e do rural na Galiza é posíbel, conscientes que somos se cadra centos as que partillamos as mesmas ilusións, as que xa estamos e as que queren vir … e non nos trabucábamos! A ese primeiro encontro seguírono outros sete, espallados por toda a nosa xeografía, e a rede estendeuse xa non só como un ente galego mas tamén a nivel local, ampliando a sua acción mais alá dos encontros. Paralelamente fóronse abrindo novas frontes de traballo, específicas ou sectoriais, para dar resposta e solución a problemas como a escolarización, os mercados, a saúde,… O Rural Quere Xente é moito mais que os encontros, mais tamén son os encontros: son o espazo de debate, de reflexión, de aprendizaxe, e, ao mesmo tempo, o espazo é o tempo que temos para dármonos cariño, amor sano, o noso afecto, a nosa complicidade, o lenzo sobre o que pintamos o rural que gostariamos habitar e que agora xa é, porque estamos aquí, porque xá levamos cinco anos de existencia, con idas e vindas, de subidas e baixadas, recolocándonos e volvéndonos a atopar, mas coa mesma ilusión, con mais forza, con mais experiencia, con mais rural. Desta volta a Rede asoma a cabeza na Terra Chá. Con epicentro en Roupar mas como obxectivo de que azougue Xermade enteiro, o tremor xa comezou… os días 6, 7 e 8 de setembro o ollar da Galiza rural estará posto en nós, en vós, na tribo de ORQX, nun espazo disposto acoller non só durante eses tres días senón aberto a acoller e acompañar no camiño a terra a nos e novas moradoras. Os Encontros organizámolos entre todas: os traballos preparatorios, a intendencia, programación… son o resultado do traballo en común das inscritas: a participación é activa, dende o momento que formalices a inscrición, é cómplice dos nosos soños de rebeldía e a túa achega non só é ben-vida senón necesaria. A partir de ai comeza a conta atrás… xa estás na allada!