Relatorio organizativo

CONTEXTUALIZACIÓN
O Rural Quere Xente (ORQX) atopa a súa orixe na celebración dunhas Xornadas Rurais na Eira da Xoana (Ramil, Agolada), hai pouco menos dun lustro. Na súa xornada de clausura, o domingo 23 de febreiro de 2014, puxéronse en común as vontades das persoas alí presentes arredor da idea de darlle continuidade a un espazo colectivo de convivencia e intercambio de experiencias, coñecementos, destrezas, inquedanzas e estratexias, en base a uns valores compartidos relacionados coa ecoloxía, a autoxestión, a construción dun modelo económico e de produción e consumo alternativo, e a aposta polo (re)asentamento e o desenvolvemento de proxectos vitais no rural. Desta primeira posta en común naceu o xermolo do que se foi configurando como ORQX, unha rede horizontal de individualidades orientada, en primeira instancia, á materialización dese anhelado espazo colectivo, co firme convencemento -transformador e transgresor- de apostar pola vida no rural galego.
Dende entón, e en resposta a dito anhelo, fóronse organizando unha serie de xornadas e encontros -sete ata o momento- espallados polo territorio galego, xa baixo a nomenclatura d’ORQX, mais tomando de referencia como primeira edición as Xornadas Rurais da Eira da Xoana, aínda que esta non fora organizada dende ORQX como tal. Dende o verán dese mesmo 2014 ata o do 2017, estes eventos celebráronse ininterrompidamente de xeito bianual, cunha edición de verán máis
multitudinaria e cun programa de actividades formativas/divulgativas -obradoiros, palestras, coloquios, debates, etc.- máis intenso, e outra de inverno máis recollida e dedicada ao debate e a reflexión, do xeito que se enumeran deseguido:
• II Xornadas ORQX, en Ernes (Negueira de Muñiz), do 3 ao 6 de xullo do 2014.
• III Xornadas ORQX, en Paraños (Covelo), do 13 ao 15 de marzo do 2015.
• IV Encontro ORQX, en Saumede (A Bola), do 2 ao 5 de xullo do 2015.
• V Encontro ORQX, en Xixirín (Arzúa), do 11 ao 13 de marzo do 2016.
• VI Encontro ORQX, en Xestas (Porto do Son), do 7 ao 10 de xullo do 2016.
• VII Encontro ORQX, en Bergondo, do 10 ao 12 de marzo do 2017.
• VIII Encontro ORQX, en Carrizáns (A Lama), do 6 ao 9 de xullo do 2017.
A través destes encontros, a propia idea orixinal d’ORQX foi evolucionando: a rede pasou a entenderse xa non só como un único ente colectivo a nivel galego, senón que se tendeu a favorecer a formación de redes a nivel local, tratando de ampliar así mesmo a súa acción, alén dos encontros, durante o resto do ano. Asemade, fóronse abrindo novas frontes de traballo, específicas ou sectoriais, para tratar de dar respostas e buscar solucións a problemas comúns relacionados coa escolarización das cativas, a organización dos mercados autoxestionados ou a xestión da saúde,
entre outros. Mesmo a nivel dixital, ORQX tamén foi transitando e mudando de espazo, dende un blogue inicial en https://xornadasrurais.wordpress.com, pasando pola páxina https://www.oruralquerexente.net aloxada no extinto hosting social Saramaganta, ata a súa localización actual en http://oruralquerexente.org.
Porén, tras o último encontro de verán celebrado en Carrizáns, o conxunto de persoas que se estaba a involucrar máis na organización das últimas edicións, así como a participar dun xeito máis activo na rede ORQX, decidiu suspender temporalmente a celebración dos encontros, tanto pola falta de forzas e tempos para coordinarse, como pola necesidade compartida de repensar o que se estaba a facer ante deriva que estaban tomando os encontros, así como para centrar máis
os esforzos en fortalecer a rede e non tanto en tratar de manter a toda costa o carácter bianual destes. É por este motivo que houbo un lapso de máis de dous anos dende a última edición no verán do 2017 e esta nova de finais de verán do 2019.
Chegadas a este punto, e para tratar de dar continuidade ás liñas desenvolvidas ata o momento, mais cun novo pulo, hoxe domingo 8 de setembro do 2019, en Roupar (Xermade) e no marco da celebración do IX Encontro O Rural Quere Xente, as presentes na asemblea xeral d’ORQX abren un debate en torno a proposta de relatorio organizativo que a continuación se presenta.

Descarga ponencia organizativa